Festival Atlántica
Participantes
Programa
  • Programa infantil e familiar
  • Programa adultos
  • Atlántica 2020
    • Edición 2019
    • Edición 2018
    • Edición 2017
    • Edición 2016
    • Edición 2015
    • Edición 2014
    • Edición 2013
  • Entradas
  • Equipo
  • Apoios
  • Contacto
  • Atlántica 2020
    • Edición 2019
    • Edición 2018
    • Edición 2017
    • Edición 2016
    • Edición 2015
    • Edición 2014
    • Edición 2013
  • Entradas
  • Equipo
  • Apoios
  • Contacto

All posts by Marcos

15/032015

Crónicas Atlánticas: NOITE NEGRA, contada coral

Venres 13 de marzo de 2015 – 21:00 h

Na pantalla do Teatro Principal unha imaxe representativa do Festival Atlántica. A xente entra buscando o seu asento nun patio de butacas que se enche, nas mans un tríptico onde se informan dos próximos espectáculos. Oense comentarios sobre o venres 13 e o desexo de pasar un bo rato escoitando historias que lles poñan a pel de pita.

Apáganse as luces de sala.

sole prinxipio

Cunhas zocas encarnadas da artesana Elena Ferro e un vestido de encaixe negro semitransparente, véndoselle as pernas e a roupa interior, aparece Soledad Felloza, directora de ‘Atlántica’, que presentará a todos os narradores e narradoras.

Facendo bromas ca imposibilidade de patrocinios do festival fai referencia a que éstes preferiron a Cristina Pedroche en vez de a ela, “unha estupenda talla 42” da cal amósase orgullosa.

O vestido realmente ten o forro amarrado á cintura. Soledad trata de baixalo para restar tanta transparencia e ante a falta éxito, un presto Avelino González salta dende o patio de butacas para axudarlle. Así comeza a ‘Noite Negra’.

Paula

Paula Carballeira é a primeira en contar preparándonos para que nos asustemos e situándonos nunha “noite negra, como escura a alma dun político”. O conto de Carballeira é unha historia de fantasmas recuperada das páxinas dun libro, como adoita facer esta contadora. Deixa ao público cunha sensación agridoce e preparado para a seguinte contadora.

Clara

Clara Haddad, narradora brasileira e afincada en Portugal, fala da picardía dun personaxe que por vivir máis enganou á morte, ao demo e a esposa do mesmo. Xesticula con todo o corpo e cambia a voz, vai creando as distintas personaxes, ilustrando a historia dunha forma dinámica e teatral.

Guti

Guti trae dende Zamora a un neno tan boiño que a súa familia pensa que é entre o clero onde debe estar. Sentado nunha cadeira que trae el mesmo, agarimando os seus xeonllos, exprésase cadencioso, pausado, e con acento leonés. Utiliza palabras tanto en castelán como en galego, por vivir nunha zona fronteiriza. Mais o remate pouco tivo de relaxado, facendo escachar ao público cunha sentencia inesperada.

Sofia

No conto que Sofía Maul nos trae da Illa de Madeira, hai un rapaz que non atura a desorde da súa familia e quere desfacerse deles. Describindo o seu plan Sofía divirte ao público, sobre todo aos espectadores desexosos de escoitar e afacer a orella ao portugués.

Yoshi

Yoshi Hioki entra ao escenario cun traxe tradicional xaponés impactando e captando o interés do patio de butacas. Emprega o castelán, pero emprega tamén expresións no seu idioma natal. Con moito humor e dozura conta unha desgraciada historia dunha muller moi fertil cun marido moi pobre que non quere ter que manter ningún dos seus fillos. Ao provocar as gargalladas do público, reproba o seu riso, suscitándoo ainda máis.

Avelino

Avelino González, como bo vigués, narra a orixe de Vigo sobre unha cidade asulagada por unha maldición, cando unha muller foi asasinada e ninguén do pobo fixo nada. E remata cunha historia familiar coa que emociona ao público, a historia do seu tío Ernesto e o medo, esta vez basada na vida mesma.

Soledad neno serpe

Pecha a sesión a anfitriona da gala, Soledad Felloza, que nos narra unha historia que escoitou tanto aquí en Galicia como dos beizos da súa avoa en Uruguai. Un conto estremecedor co que a anciá enviábaa durmir: “Venga, para cama!”.

Satisfeitas e algo arrepiadas, despois de escoitar os contos desta ‘Noite Negra’ as espectadoras e espectadores saen do Teatro Principal, esperando poder durmir esta noite… ou non.

Fotos: Mino Andrade e Amparo Portabales – Texto: Ana Ponte

Ler máis
14/032015

Crónicas Atlánticas: OS INOCENTES de QUICO CADAVAL

Quico

Xoves 12 de marzo de 2015 – 22:00 h

En canto remata a función do narrador zamorano ‘Guti’, ábrense de novo as portas do pub Dado-Dadá e comeza entrar xente que leva un rato agardando na rúa Alfredo Brañas.

Contrasta a pouca asistencia da sesión de contos anterior coa de agora. A xente inunda o local. Descoñecidos comparten mesas ata encher cada esquina. As banquetas voan escudriñando o chan ata atopar un rincón no que plantar un bo posto de vixía. En poucos minutos case cen persoas agardan expectantes a sesión de Quico Cadaval, o dramaturgo, director e narrador ribeirense. Resulta evidente que contar con el na apertura do Festival Atlántica é un acerto.

Aínda que a franxa de idade do público vai dende estudiantes universitarios ata veteranos de longo percorrido no eido cultural, nas primeiras filas vese unha especial abundancia de espectadores a piques de despedirse da treintena.

Soledad Felloza, directora do festival e narradora que compartiu moitas contadas coa estrela da noite, introduce a Cadaval. Non desaproveita para agradecer con ironía á ‘asociación do silencio da zona vella de Santiago’, pola súa colaboración para levar a cabo Atlántica.

Tras un pouco de brincadeira entre o de Ribeira e a negra, como lle gusta chamarlle el aínda que só sexa para poder sentenciar divertido que “iso nin é negra nin é nada”, comeza a sesión de contos titulada “Os Inocentes”.

As historias que desgrana Quico ó longo de dúas horas, teñen en común a inocencia dos seus protagonistas e como esta lévalles ata situacións e lugares insospeitados.

Nun primeiro tramo da contada as peripecias de personaxes públicos como o ex-Vicepresidente da Xunta Anxo Quintana, o presidente do ‘Compos’ José Mª Caneda ou o escritor Marcial Suárez, arrancan gargalladas ó publico.

Tras uns vinte minutos de risos case ininterrompidos, Cadaval comeza a introducir os personaxes que padecendo de inocencia, sexan quizais, quen máis poden sufrir neste mundo; os inocentes na guerra. Concretamente a guerra civil española.

A historia de Marquiños “o terriñas”, mete de cheo o público nas miserias do conflicto. A xente acépta ben o cambio de ton. De súpeto o contador cambia de historia e narra o peculiar suceso dun pastor do Incio que quedou a agardar a chegada dos falanxistas de Monforte, “…pois el nunca vira un falangista!”.

Cadaval DadoDada 02

Ó longo da contada, Cadaval deixa historias en suspenso para comezar outras; coma se plantase unha árbore da que medran ramas e destas xurdisen outras máis pequenas… para acabar volvendo ás ramas principais, ás historias iniciais.

Segundo avanza a sesión o ribeirense pasa a narrar dende o persoal, e conta as historias da taberna da súa nai e mailas do grupo de amigos do seu pai. Isto dalle a oportunidade de reivindicar a figura do ‘parvo’ en todo grupo de amigos… ou nacións. betfair site down E salta brevemente a unha historia da antiga Grecia.

Con todo será entre os amigos do seu pai onde se agocha o gran protagonista final da súa contada; Manolo “o chabolista”. De novo o público vese mergullado no surrealismo da guerra civil, ata dar cos presos da Illa de San Simón.

A xente ri a cachón e parecen confirmar que é compatible facer humor e denuncia histórica ó mesmo tempo.

Unha vez remata a súa última historia e tras unha marea de aplausos, nun xesto de xenerosidade Cadaval sinala ó público que non veu a sesión anterior, que é unha pena que marchen sen escoitar o narrador zamorano e pide a ‘Guti’, sentado entre o público, que suba ó escenario a contar.

O contador de Sejas de Aliste, tal vez sorprendido pola petición de Quico, sube lentamente e arranca coa historia de Anita, unha vella que sentíndose morrer decide amortallarse ela mesma para non dar traballo a ninguén. Pese o humor negro do conto e saír a contar tras un tornado como Cadaval, ‘Guti’ acaba facendo rir á xente de boa gana e apañando outra ovación.

O de Ribeira agradece ós espectadores a súa asistencia e invita a consultar o programa das sesións de contadas para os seguintes sete días. Queda inaugurado o Festival Atlántica.

   Foto: Mino Andrade – Texto: Marcos Estebo

Ler máis
13/032015

CONTOS RAIANOS de ‘GUTI’ : Inicia a súa travesía a III Edición do Festival Atlántica de Narración Oral

Guti

Xoves 12 de marzo  de 2015 – 20:30 h

Debe haber ganas de contos e de historias. Dez minutos antes da hora de inicio do espectáculo, a xente está xa a mercar entradas e ocupar cadeiras no pub Dado-Dadá, unha das novas sedes do Festival Atlántica este 2015.

Entre o público hai bastantes asiduos ó festival e algún dos contadores que participarán nel estes días, como Avelino González, que non perde a ocasión para escoitar as historias de José Luis Gutiérrez ‘Guti’.

Cousa lóxica, pois segundo conta na súa introducción Soledad Felloza, directora do festival, foron os propios Avelino e Quico Cadaval (contará xusto despois), quen lle estiveron “vendendo” a este narrador zamorano ata que o trouxo a ‘Atlántica’.

‘Guti’, ataviado con vaqueiros, camisa de cadros e barba, inicia a súa contada arremagándose paseniño e cun ritmo pausado, seguramente o propio dos vellos e vellas que lle contaron as historias que comparte agora co público compostelán. Historias que sucederon realmente e nas que os anciáns que llas transmitiron, participaron nelas ou coñeceron os seus protagonistas:

Un ferreiro que se converte en cura tras substituír un seminarista no seu último exame; Un marido amolado con que a súa muller vaia confesarse a diario; Unha esposa visitada polo cura, polo sacristán máis polo alcalde…

Nestas historias recollidas en aldeas de Zamora, Salamanca e León, que mesmo cruzan a raia e visitan Portugal, repítense dúas constantes; A picardía sexual e a sátira contra as figuras eclesiásticas.

Guti DadoDada 02

Se no seu primeiro conto ‘Guti’ vaille tomando o pulso a un público aínda frío, xa na súa segunda historia meteos no peto. Segundo avanzan os contos, os risos e o bo rollo que se instala no Dado-Dadá, semellan verificar unha idea: Podemos ser todos moi modernos e modernas, pero as vellas historias de mulleres que enganan ó marido, sacerdotes que durmen a diario coa ama e maridos que sortean a cornamenta (ou acéptana con filosofía)… seguen a funcionar tan ben coma sempre.

‘Guti’ ilustra as historias da súa terra coas ferramentas que máis a man pode ter un narrador oral: Imita as voces dos protagonistas; peta cos pés no chan cando chaman as portas; canta as coplas argalleiras coas que se retrucan entre eles os participantes destes enredos… e mesmo baila cando o conto recala no campo da festa.

A súa sesión de contos remata con grandes aplausos por parte dos asistentes.

Quizais o único ‘pero’ desta función sexa precisamente, que se ben o público pasao en grande, a asistencia a esta sesión é comedida, rondando a veintena de espectadores.

A cousa muda na sesión que da comezo acto seguido a cargo de Quico Cadaval, na que ‘Guti’ tamén estará presente entre o público e na que acabará por ter un inesperado papel.

Foto: Mino Andrade – Texto: Marcos Estebo

Ler máis
Newer Entries
WEB ALOXADA EN
CO APOIO DE
Twitter
  • RT @bibloleiros: Mércores 24 febreiro #DíaDeRosalía HoRa Do CoNtO AuDiOvIsUaL con @SoleFelloza (para nenas-os a partir de 6 anos) +info ht…
    4 days ago
  • Este ano imos celebrar Atlántica no verán. Iso si, que ninguén pense que o Día Internacional da Narración Oral (20… https://t.co/H9patHEAwa
    11 days ago