Blog

  • Publicado:

    18 de Marzo de 2015

  • Categorías:Blog

Yoshi Zona C 01

Domingo 15 de marzo de 2015 – 19:00 h

Ó redor de cincuenta persoas reúnense en plena tarde de domingo na sala da Zona C, ubicada a carón do Museo do Pobo Galego. Pese a estar un pouco enfermo (estivo no hospital pola mañá), o narrador xaponés Yoshi Hioki, non falta á cita.

Fai a súa entrada ataviado cun ‘kimono’ claro con filigranas escuras na parte superior e un ‘hakama’ azul marino que substitúe os pantalóns occidentais.

Ó subir ó escenario, a madeira dos seus ‘getá’, calzado tradicional xaponés, sóa contra o estaribel chamando a atención dos espectadores. Entón, o narrador afincado hai vinte anos en Barcelona, deixa con coidado o calzado  nunha esquina.

Yoshi Zona C 04

No medio do escenario agarda estendido un pano, un ‘furosiki’, sobre o que o contacontos queda de pé ante o público.

Comeza a sesión seguindo unha cerimonia que repite entre cada unha das historias que conforman a súa contada:

Dunha pequena caixa de madeira Yoshi saca un papeliño. Le o seu contido e comeza cantar paseniño un poema da escritora Akiko Yosano, pioneira do feminismo no seu país natal. Só despois inicia o conto.

As historias de Yoshi Hioki van dende as fábulas de dragóns cuxos amores provocan o nacemento da terra que hoxe coñecemos como Xapón… ata a historia de desamor dun mozo rico e fermoso rexeitado pola ‘orián’ máis bela do seu tempo.

Trátase de narracións enmarcadas entre os séculos X e XII, que mesturan feitos fantasiosos cunha forte carga sexual.

Aínda que durante o primeiro conto, o kimono de Hioki vese empapado en suor e trémenlle as mans, seguramente debido á enfermidade, o narrador nipón encara a sesión obviando eses feitos.

Historia a historia, relata con miradas pícaras, baixa o volume da súa voz para logo explotar en berros inesperados, alterna o ton grave cos ‘falsetes’… Domina moi ben os tempos e leva ó publico por onde quere; consegue atención absoluta nas súas pausas dramáticas, para acto seguido facer que o público se esmendrelle.

Yoshi Zona C 02

Ó longo dos seus relatos, Hioki engade multitude de aclaracións referentes ó Xapón antigo: Explica ós espectadores en que consisten realmente as geishas a miudo confundidas polos occidentais con prostitutas: que as ‘orián’ eran as verdadeiras prostitutas naquela época; que Yoshiba era o coñecido ‘barrio rojo’, que hai mil anos, antes do Xapón feudal, as mulleres decidían con quen casaban… e unha longa lista de detalles que introduce ós espectadores naquela época.

Yoshi sinala as similitudes que el atopa entre Xapón e Galicia ó ser ambalas dúas, terras de costa. Simulando inocencia, interpela ó público tentando descubrir cantos parecidos hai ou non hai entre os homes xaponeses e os galegos; gargalladas das presentes como resposta e cara de circustancias entre os asistentes masculinos.

Yoshi Zona C 03

Segundo avanza a ‘contada’, ademais de executar varios bailes tradicionais acompañado por un abano, Yoshi da unha pequena clase de wakas, os poemas que canta entre cada conto. Primeiro traduce ó castelán as frases, belas pero bastante crípticas. Ante a estupefacción do público, o contacontos ‘descifra’ o seu significado simbólico en linguaxe da rúa. Resultado? Novas gargalladas ó descubrir os espectadores que, como non, os poemas van envoltos nun prosaico cariz sexual.

Ó remate da sesión Yoshi Hioki fai un rápido resumo á procedencia dos contos narrados, algúns obra del, outros tradicionais e aproveita para agradecer ós espectadores a súa participación:

“El mérito es suyo. Por mucho que yo me esfuerce, si ustedes no ponen la imaginación… esto no funciona”.

   Foto: Mino Andrade e Amparo Portabales – Texto: Marcos Estebo