Blog

  • Publicado:

    14 de Abril de 2014

  • Categorías:Blog

quico

 

CONTOS POLA ZONA VELLA DE COMPOSTELA

18:30 h­ Dende a Igrexa de San Fiz

Diante  da Igrexa  de  San  Fiz,  nunha  terraza,  varios  dos  contadores  e  contadoras  toman  un  café mentres  chega  a  xente.  Un  dos  voluntarios,  Alex  Braganha,  vai  colocando  “gomets”  azuis aos participantes que van chegando para escoitar a Quico Cadaval.

Un nutrido grupo comeza a congregarse diante da igrexa de San Fiz. Ao fin Quico, cunha camisa vermella a cadros e o pelo alborotado, ponse diante da igrexa a falar sobre como a igrexa de San Fiz é considerada o primeiro templo de Compostela e de como alí, o ermitán Paio ve as primeiras lumínidas que indicaban o lugar exacto do sepulcro do Apóstolo. Dende a chegada dos casteláns, Paio era considerado un parvo.

Quico propón cambiar de situación e dirixímonos á praza de Mazarelos.  Movémonos e os coches e motos protestan ca bucina ante a indiferenza inicial do grupo. Movémonos paseniño, sen presa, polas rúas graníticas de Compostela. Na praza uns nenos  e nenas xogan  co patín  e a pelota. Os estudantes da facultade de filosofía mirannos de esquello. Dunha terraza próxima chega o ruído da xente faladeira. Un par de estudantes cun bocadillo na man, achéganse curiosos a poñer a orella.

Os ruídos da  cidade molestan  a  escoita, pero fai que o grupo se xunte máis  e poñan toda a súa atención a cada palabra que Quico di. Alí, ao lado do “símbolo do feixismo que xa se falará outro ano”, fala de Francisco Xavier, o considerado o apóstolo da India, que viaxara ata Xapón onde era considerado atractivo pola súa xente e onde evanxelizou durante máis de dous anos.

Ata os santos te apalpan a perna

Francisco Xavier a Ignacio de Loyola

quico1

Quico chama a Yoshihira Hioki, residente en Barcelona, para falar algo máis de Francisco Xavier, e de por que fracasou a evanxelización en Xapón. A xente espera e escoita as respostas de Quico, de como o medo ao colonialismo foi o motivo principal do fin da evanxelización e como son os cristiáns os que levaron ó tabaco ao Xapón.

Volvemos a cambiar de lugar, esta vez diante da Igrexa de María Salomé (Rúa Nova), a peixeira, onde Quico nos describe  como falan algunhas peixeiras na praza:

Que está a cheirar aí? Que está a cheirar aí? Cheiráronlle a cona para casar?
Deixe de apalpar o lirio… ou pensa que é unha pirola?

A xente segue acercándose e sorrí con algunhas das historias que consegue escoitar dendo o fondo, sen molestar, aínda que algúns comentan:

–  Está hablando en gallego
–  Pues vámonos.

Quico conta que en San Andrés de Teixido non se pode matar aos réptiles e asegura que non vai ir de vivo para poder ir de morto.

–   Bravo – berra un cativo, que apenas comezou a camiñar.

Seguimos  camiñando pola rúa Nova  cara  a  catedral. Parece que os cans póñense nerviosos  e as gaivotas berran mentres voan polos tellados da zona vella. Camiñamos pola Conga e chegamos ata San  Paio,  o  lado  do  pub  Modus  Vivendi.  Alí  Quico  falou  do  baixo  relevo  da burra de  Belén, aclarando que é a da fuxida de Exipto e non a do portal, porque pódese ver ao neno en brazos de María.

Lembrándonos a data na que estamos, Quico berra:

Viva San Patricio!!
Viva!!

Volvemos camiñar ata a Travesa de San Paio de Antealtares ata o Preguntoiro. Quico vai falando con Avelino González, ó que se escoita rir dende calquera punto do grupo. Xa en Cervantes imos
cara a Ruela de Xerusalém, diante da oliveira.

Por fin  algo  de silencio parece  acompañarnos,  é un lugar tranquilo  onde os ruídos da xente,  do tráfico,  dos  cans,  desaparece.  Podemos  escoitar mellor  a  voz  de  Quico,  que se  apoia  na  árbores mentres tocan a cuartos, son case as 20 h, o tempo pasou voando, entre lendas de “mans de santos que cheiran a rosas e lirios e que saen da súa furna para firmar no papel dun Papa sorprendido”.

Unha última parada, entre a Algalia de Arriba e a Algalia de Abaixo, a zona xudía da parte vella de Compostela, vixiad@s por un pallaso pintado en vermello na parede dunha das casas. Alí fala de
como o mosteiro de San Lourenzo ten forma de grella en honra o santo que leva o seu nome, santo que cando o estaban a torturar sobre unha grella e segundo a lenda dixo: Dádeme a volta, que por
este  lado xa estou  feito!!  Conta  como moitas  cidades  deben  a súa existencia  polos  corpos  dos santos que foron transportados  e vendidos por anacos,  algúns  ata teñen dúas ou tres cabezas  en distintas igrexas, capelas ou catedrais do mundo, incluso houbo un emir que vendía cada catro anos a cabeza dun santo.

Cun obrigadísimo,  Quico remata  esta ruta  por  algúns  dos recunchos  de Compostela,  ca  luz  do anoitecer  e o laranxa da lámpada dun farol  colocado no seu momento para  eliminar  as sombras
dunha calexa sen saída. A xente aplaude con ganas e vai saíndo cun sorriso e falando sobre o que van  lembrando  e  do  que se  contou.  Algúns  e  algunhas  irán  a  tomar  algo  e  para  casa, mentres outr@s continuarán a xornada nalgún dos espectáculos que ofrece a cidade.