Blog

  • Publicado:

    23 de Marzo de 2015

  • Categorías:Blog

Noite Espectador 01

Mércores 18 de marzo de 2015 – 21:30

 Media hora antes do comezo do espectáculo, chegan os alborotadores narradores e narradoras desta III edición do Festival Atlántica. Son soamente sete persoas, mais só eles coa súa troula, crean ‘ambientazo’ no pub Dado-Dadá, local que acolle moitas das sesións deste ano.

Nas mesas agardan polos espectadores os programas de man do festival, convertidos en cornetes para flocos de millo, acorde coa temática cinematográfica desta velada: Hoxe vanse contar películas.

O público enche a sala e tras posar os contacontos para unha foto de familia, Soledad Felloza, directora do festival, sortea un pack de tés de ‘Mistelánea’ (o único patrocinador de ‘Atlántica’ este ano) entre as máis de corenta persoas reunidas esta noite.

Noite Espectador 02

A primeira en subir ó esceneario é Paula Carballeira, artífice desta ‘contada’ grupal. O xérmolo desta noite está nunha contada que a narradora fixo nun instituto de Santa Comba. As explicacións dun alumno tentándolle explicar unha película…

“É unha peli que… buahh! Ten un prota que é un tío que… buah! E logo hai un malo que… buahh! E todo o tempo non paran de… buahhh!”

… déronlle a idea a Carballeira de montar esta sesión na que cada contador debe narrar unha das súas películas favoritas.

O filme co que ela mesma inicia a ‘contada’ é “A carreta pantasma”, cine mudo de 1921, sueco para máis señas. A historia de tres borrachos celebrando a Noitevella nun cemiterio ó redor dunha botella de alcol deriva nun argumento propio do xénero fanstástico, que Carballeira conta levándoo á forma do tradicional conto de terror. A historia gusta ós espectadores que alternan o riso co silencio tenso.  

Noite Espectador 03

José Campanari ocupa a banqueta dos narradores para comezar a contar a historia do éxito inglés do ano 2000, “Billy Elliot”. Nas súas propias verbas, como el ve as películas desordeadamente, vai contar a película desordeadamente. Rapidamente o público empatiza co narrador arxentino, que relata coa atribulación e sorpresa dun neno grande que caracterizan os seus espectáculos.

De tódolos xeitos, nesta ocasión Campanari, ademais da súa habitual tenrura, elixe contar a historia do neno que quere ser bailarín, dende un punto de vista irónico e mordaz. Un acerto, en vista das risas dos espectadores.

Noite Espectador 04

A terceira narradora da velada é Ana Carreira que elixe a película “Cleopatra” para a súa narración. Pero non o filme de Elisabeth Taylor como aclara, senón a película arxentina do director Eduardo Mignogna.

A lucense refire o argumento e boa parte dos asistentes recoñecen os detalles das peripecias protagonizadas por unha Norma Aleandro xovial e inocente. Cando a contacontos pregunta “Quen é o arxentino de pelo branco que non é Luppi?!”, o público responde a coro: “Alterio!!!”.

Carreira guía o seu relato coa constante da protagonista do filme, “Ahora tengo dos opciones: Hacer lo que quiero… y hacer lo que debo”, para finalmente descubrir outras opcións.

Noite Espectador 05

Cambio de narradora e cambio de ton. Charo Pita cóntalle ós espectadores a mítica película “A noite do cazador”, interpretada por un Robert Mitchum inesquecible no seu papel de predicador Harry Powell. Pita conta a historia con detalle e recréaa inténsamente. Semella que efectivamente esta sexa a súa película favorita.

Se no filme o seu director, Charles Laughton, marcaba un aire de fábula infantil cunha voz en off ó comezo, a narración de Pita toma precisamente ese camiño: Narra a historia dándolle forma de conto de terror infantil e mantén o suspense do seu relato como se o público nunca vira a película.

Noite Espectador 06

Chega o derradeiro narrador desta sesión e con el o gran momento da noite. Ese furacán chamado Avelino González opta por facer un resumo das películas que máis lle impactaron na súa infancia en Vigo. Ilustrando o seu relato cos temas musicais dos filmes que fai soar dende un teléfono móvil… ask ausiello Avelino canta, baila, abre a camisa, salta ata o publico, estampa un bico nos morros a unha espectadora, imita ó “Rocky” de Stallone ou voa polos ceos como ‘Supermán’.

Nun gran poupurri repasa e baila “Febre do Sábado Noite”: lembra que a súa nai soñaba co Paul Newman de “Dous homes e un destino”; rememora a Robert Reford en “Memorias de África” e no medio do seu frenesí, ergue o pé do acelerador para sentenciar con melancolía que “O bo que ten o cine é que os actores sempre están iguais”.

O público pásao en grande, tararean con el as bandas sonoras de varias películas dos anos 80…

O contacontos remata cun final surrealista no que mestura os personaxes de varias películas que segundo el deixaron a pantalla do cine ó que el acudía de neno… e toman as rúas do Vigo da súa infancia.

Final por todo o alto para unha velada divertida na que público, narradores e narradoras comparten non só a súa imaxinación senón moitas das súas lembranzas: A maxia do cine e da narración oral danse a man para conxurar unha vez máis ese pequeno miragre dunha sala chea de persoas concentrando a súa atención nun mar de historias.

Noite Espectador 07

Foto: Mino Andrade – Texto: Marcos Estebo