Blog

  • Publicado:

    15 de Marzo de 2015

  • Categorías:Blog

Venres 13 de marzo de 2015 – 21:00 h

Na pantalla do Teatro Principal unha imaxe representativa do Festival Atlántica. A xente entra buscando o seu asento nun patio de butacas que se enche, nas mans un tríptico onde se informan dos próximos espectáculos. Oense comentarios sobre o venres 13 e o desexo de pasar un bo rato escoitando historias que lles poñan a pel de pita.

Apáganse as luces de sala.

sole prinxipio

Cunhas zocas encarnadas da artesana Elena Ferro e un vestido de encaixe negro semitransparente, véndoselle as pernas e a roupa interior, aparece Soledad Felloza, directora de ‘Atlántica’, que presentará a todos os narradores e narradoras.

Facendo bromas ca imposibilidade de patrocinios do festival fai referencia a que éstes preferiron a Cristina Pedroche en vez de a ela, “unha estupenda talla 42” da cal amósase orgullosa.

O vestido realmente ten o forro amarrado á cintura. Soledad trata de baixalo para restar tanta transparencia e ante a falta éxito, un presto Avelino González salta dende o patio de butacas para axudarlle. Así comeza a ‘Noite Negra’.

Paula

Paula Carballeira é a primeira en contar preparándonos para que nos asustemos e situándonos nunha “noite negra, como escura a alma dun político”. O conto de Carballeira é unha historia de fantasmas recuperada das páxinas dun libro, como adoita facer esta contadora. Deixa ao público cunha sensación agridoce e preparado para a seguinte contadora.

Clara

Clara Haddad, narradora brasileira e afincada en Portugal, fala da picardía dun personaxe que por vivir máis enganou á morte, ao demo e a esposa do mesmo. Xesticula con todo o corpo e cambia a voz, vai creando as distintas personaxes, ilustrando a historia dunha forma dinámica e teatral.

Guti

Guti trae dende Zamora a un neno tan boiño que a súa familia pensa que é entre o clero onde debe estar. Sentado nunha cadeira que trae el mesmo, agarimando os seus xeonllos, exprésase cadencioso, pausado, e con acento leonés. Utiliza palabras tanto en castelán como en galego, por vivir nunha zona fronteiriza. Mais o remate pouco tivo de relaxado, facendo escachar ao público cunha sentencia inesperada.

Sofia

No conto que Sofía Maul nos trae da Illa de Madeira, hai un rapaz que non atura a desorde da súa familia e quere desfacerse deles. Describindo o seu plan Sofía divirte ao público, sobre todo aos espectadores desexosos de escoitar e afacer a orella ao portugués.

Yoshi

Yoshi Hioki entra ao escenario cun traxe tradicional xaponés impactando e captando o interés do patio de butacas. Emprega o castelán, pero emprega tamén expresións no seu idioma natal. Con moito humor e dozura conta unha desgraciada historia dunha muller moi fertil cun marido moi pobre que non quere ter que manter ningún dos seus fillos. Ao provocar as gargalladas do público, reproba o seu riso, suscitándoo ainda máis.

Avelino

Avelino González, como bo vigués, narra a orixe de Vigo sobre unha cidade asulagada por unha maldición, cando unha muller foi asasinada e ninguén do pobo fixo nada. E remata cunha historia familiar coa que emociona ao público, a historia do seu tío Ernesto e o medo, esta vez basada na vida mesma.

Soledad neno serpe

Pecha a sesión a anfitriona da gala, Soledad Felloza, que nos narra unha historia que escoitou tanto aquí en Galicia como dos beizos da súa avoa en Uruguai. Un conto estremecedor co que a anciá enviábaa durmir: “Venga, para cama!”.

Satisfeitas e algo arrepiadas, despois de escoitar os contos desta ‘Noite Negra’ as espectadoras e espectadores saen do Teatro Principal, esperando poder durmir esta noite… ou non.

Fotos: Mino Andrade e Amparo Portabales – Texto: Ana Ponte