Blog

  • Publicado:

    14 de Marzo de 2013

  • Categorías:Blog

20:30 no Atlántico

Charo Pita e María da Pontragha están na barra parolando mentres se vai enchendo o local. Para moitos/as é a primeira vez que as ven e hai certa curiosidade.

María será a primeira en falar e o primeiro que dí é que hai pouca xente que saiba pronunciar ben o seu apelido (eu cóntome entre elas) e comeza a súa intervención falando do seu pobo, onde a maioría da xente é maior e moi esaxerada. E ilústranos cun exemplo, de como un río pode provocar un cisma na súa vila, no que o público rí con ganas.

Charo Pita dí que fai un ano, máis ou menos, contara por primeira vez no Atlántico e que vai contar o mesmo conto onde os protagonistas son os seus bisavós, un home de palabra (unha soa) e unha muller que sempre disfrutaba da vida, ainda que só fora cunha perna, a esquerda.

Volve María da Pontragha cunha historia de amor fermosa e dramática. E remata a súa intervención falando dunha muller, a Juaquina, que fai perder a cabeza ós homes, chas-chas. Conta con ironía e suavidade, cun medio sorriso nos beizos.

Por último Charo Pita pon o broche final cas súas pausas cómplices e o seu doce falar.

Cando acabo no Atlántico e despois de tomar un pincho (por chamarlle dalgunha maneira) de tortilla, vou correndo á Casa das Crechas onde un concentrado Avelino González está na porta.

Saudámonos e baixo deixándoo cas súas cavilacións.

 

22:30h na Casa das Crechas

Séntome ben preto do escenario, non hai moitas cadeiras cheas e nas que hai xente esperan cunha cervexa na man ou están na barra pedindo.

O principio tarda un pouco en vir o silencio, mentres Avelino González aproveita para presentarse e dí algo así como:

Chámome Avelino González e mido un metro sesenta.

A xente vai calando a medida que el conta. Algún barullo chega dende o piso superior, pero como hai pouca xente, non molesta en ningún momento os/as oíntes do espectáculo.

Avelino comeza con algún murmullo entre os/as presentes, pero enseguida capta a atención do público. A xente vaise relaxando e o ambiente énchese de complicidade e de risas a medida que conta as súas historias de amor, de parellas atípicas e marabillosamente máxicas. A historia de Matías “o fadista”, contrabandista de crocodrilos, e de Lucinda, e a historia de Vicente, un home fermoso, e Jessica que máis que delgada, era anoréxica.

Tamén nos ilustra cunha historia de desigualdades sociais e cunha interesantísima explicación dos diferentes tipos de bicos (non sabía que foran tantos)

Ó final Avelino González remata cunha gran cantidade de aplausos (é pouca xente, pero eran “aplaudidores/as” profesionais).

Mais a cousa non remata aí, algunhas persoas comezan a recoller as súas cousas e teñen un pé nas escaleiras cando Avelino pide permiso para contar un último conto, un que está a preparar, pero que ainda non pediu permiso á súa autora para contalo, así que eu tampouco me arrisco, só dicirvos que foi un delicioso postre que espero estea pronto no seu repertorio habitual.

O único que me amola deste día é non ter o don da ubicuidade, houberame gustado moito ir ver a Paula Carballeira, que o parecer contou contos de medo. Co que me gustan.

Un último apunte: Esa noite ás contadoras cantaron todas. Charo como cantante soprano de coplas, María como cantareira e Avelino como romántico empedernido.

 

Ana Ponte