Blog

  • Publicado:

    20 de Marzo de 2013

  • Categorías:Blog

13 de marzo. 20:30 no Atlántico.

Ana Carreira e Fátima Fernández esperan a que o público vaia sentando nas sillas preparadas do Atlántico.

Pili pon a música de inicio (A Panteira Rosa) e ambas sentan nas cadeiras altas dende as que miran ó público que aspira a empaparse das palabras das contadoras.

Ana Carreira comeza a presentación dicíndo que ambas son de Lugo, que ela comezou a súa andaina coma contacontos neste mesmo local hai catorce anos e que a súa chegada ó mundo non foi con un pan baixo o brazo… ¡senon cuns cantos lacóns, xamóns, orellas e metros e metros de chourizo! Seica o mesmo día que ela nacera, unha porca pariu. Ana era a séptima filla dunha recua ainda maior e os seus irmáns, benditos e benditas sexan (ironía activada), dicíanlle que simplemente colleron a un dos porquiños para crialo, e que ese porquiño era ela. Pero non vou dicir máis, mellor que o faga ela que ten máis gracia.

Fátima Fernández dixo que ela non era de Lugo, que era de San Martiño de Mondoñedo, e falou duns preciosos calzóns feitos por unha mañosa costureira para o seu tío Néstor, algo despistado e bailador. E para ilustrar esto último, sacou a un rapaz do público co que bailou moi, pero que moi pertiño.

Ana Carreira contou á historia de María, unha moza de aldea, que se mareou de tal xeito a primeira vez que subiu a un autobús, polo que decidiu non subir a un nunca máis na vida.

Fátima é de San Martiño de Mondoñedo, ó lado de Foz City. E, tal vez inspirada polo nomeamento do novo Papa nestes días, contou a historia da cándida filla da sacristana. Fixo tamén varios chascarrillos ós homes presentes, a un dicíndolle que xa o cachara mirándoa con interese e a outro increpándoo: Avelino faime caso ou Non é así, Avelino?. Risos do público a cachón (si, xa sei, non dicía o apelido, pero cantos Avelinos podía haber polo Festival Atlántica?).

O broche final púxoo Ana falando de “O pequeñajo”, unha personaxe real de Lugo, tenra e cunha imaxinación pouco entendida, pero que rematou na pequena pantalla para sorpresa de amigos e coñecidos.

Por suposto Ana Carreira non esquece na súa despedida unha última lembranza dos cochos cos que compartía efeméride, e Fátima despídese co seu San Martiño de Mondoñedo na boca. Quedou claro, non? (é que cobra comisión por facerlle publicidade).

Ana Ponte.