Por que Atlántica?

suarez

Fotografía de José Suárez.  Serie “Mariñeiros”

Un vello refrán baionés chámanos á acción. As estrelas a brillar, mariñeiros para o mar. Esta chamada á acción noitarega encheu as costas do Atlántico durante milenios. Homes e nenos montando nas súas embarcacións de pau e adentrándose nun mar duro e impredecible, en plena noite fría, empapados coa luz das estrelas, na procura do seu sustento, ás veces submarino, outras en portos distantes. Agora é tempo de estrelas que brillan na noite. É tempo de botarse de novo ao mar, malia a noite .

Robert MacFarlane explica no seu fermoso libro The Old Ways os sendeiros imaxinarios que percorren o Atlántico europeo, das Hébridas ata Galicia, e dá conta de cal era o material máis valioso traficado entre os portos da ribeira: as historias, as infinitas variantes dos contos, levados por todos os brazos da bitácora, de norte a sur, de leste a oeste e de volta.  O festival Atlántica concibe Galicia toda como un porto de mil cincocentos quilómetros de pantalán, no que atracarán historias e contadores de historias dos países que beirean o océano Atlántico. Contadores de Galicia, Portugal, Inglaterra, Arxentina, Brasil, Uruguai… países vinculados todos eles ao mar e que fixeron do mar un dos seus máis fortes selos de identidade. Galicia é coma o capacho no que se recollen as historias que van e veñen por este mar.

O Festival Atlántica baséase nunha programación de contadores de historias; as mañás e as tardes os contadores achéganse ao mundo dos nenos. No serán é o momento do debate, da reflexión, do diálogo e dos obradoiros de formación para os propios profesionais da narración oral. Na noitiña contadores paseantes amosan a pequenos grupos as historias que latexan nas cidades, viaxando no espazo e no tempo coas narrativas que agacha a historia de Compostela. En chegando a noite os bares énchense de palabras na programación para adultos. Programación para todos os públicos en dous municipios ben distintos: Santiago de Compostela  e Oleiros.

Atlántica 2013. Festival Internacional de Narración Oral. Un momento para saír a escoitar historias, porque nesta noite escura xa brillan as estrelas.

Adicado aos 25 anos do Pub Atlántico, berce do narrar

 

Soledad Felloza

Directora do Festival Atlántica