Blog

  • Publicado:

    19 de Marzo de 2013

  • Categorías:Blog

 

peque

Cun vento xeado e unha tos da que non me dou desprendido, cheguei á hora á rúa da Troia.
Morta de frío entrei no Bierzo Enxebre para tomar algo quente e alí un home alto e vestido de forma curiosa chamoume a atención. Na cabeza un casco verde, sobre un ombreiro unha manta de campaña, no outro un cinturón militar destes con bolsillos para meter munición, unha cantimplora de metal e unha granada de man. (Se non era Xurxo Ayán, era un home ben curioso)

Rematada a miña bebida quente e saíndo Xurxo do local, púxose diante dunha distinguida multitude que esperaban con bufandas a súa fala.

Xurxo Ayán comezou falando da memoria que se fai e da memoria que se esquece porque non se quere lembrar. Fala de que o que mira dos periódicos son as efemérides e en cada palabra que vai dicindo fai recordo desa xente esquecida na máis recente e negra historia da cidade de Compostela, a Guerra Civil.

Algunha vez teño escoitado por xente de outras zonas da Península que en Galicia non aconteceu nada salientable, que asumimos sen máis á dictadura sen nada que dicir. Creo que Xurxo Ayán non estaría dacordo con esas persoas e rebatiría con datos de lugares e datas precisas do que aquí aconteceu.

Dende a casa da Troia fomos á Quintana, metímonos baixo os arcos do fondo. O vento frío percorría o grupo facendo que as bufandas comezasen a subir cabeza arriba e ás solapas dos abrigos tapasen media cara.

Sinalando a parede do convento de San Paio de Antealtares, onde hai un nome inscrito na pedra, falou da importancia que lle damos en Galicia á letra e como a propia cidade se fai en torno á campana da Catedral. As bufandas xa tapaban cabezas.

Seguiu ca historia desta cidade diante do Museo das Peregrinacións e comentou que iamos ir ata Raxoi para falar da cárcere que alí había, onde os seus obrigados habitantes temían ás doce badaladas da noite da campá da Catedral, xa que algún deles podería sair “a dar unha volta” para non aparecer nunca máis.

Non por frío, se non por falta de tempo, tiven que marchar e deixei ó resto do grupo dentro desta fascinante viaxe no tempo, un tempo escuro, un tempo que quere ser esquecido por moitos e que fan todo o posible para que así sexa.

Ana Ponte.