Atlántica 2015

 

Tres anos botando as redes ao mar, tres anos aprendendo de correntes, mareas, ventos, lúas e soles.

Acendimos un faro, escoitamos o canto das sereas e agora, ainda torpes nos nosos primeiros andares, botamos a nosa dorna ao mar.

Agarimamos o seu corazón de nobre madeira e enfeitizados polo debuxo da súa vela, seguimos o seu ronsel de branca escuma.

Primeiro os corvos mariños e despois os arroaces agasallaronos historias de viaxeiros que durante séculos trazaron o mapa imborrable da memoria.

Como destino o horizonte, como áncora o corazón nunha terra antiga, verde e profunda que besbella nos mil ríos palabras para o mar.

De súpeto un raio dourado bica o tramallo , é a hora, unha cantiga de peixes acolle o retorno. O verso cántase baixiño, coa ledicia dun desexo feito realidade.

O mar dá lixeireza e ritmo ao batir da voz no vento. As gaivotas debuxan ao redor a urxencia do fogar.

É cando xa, na area, sintes que o lar está moi perto, pasas asmans curtidas de sal e argazo polas costas, sentas nos cons e deixas que o mar che dea un bico nos pés descalzos.
Pousas a mirada nas ondas e como o poeta De Moraes, pregúntaslle

“Sento-me, mar, a ouvir-te
Te sentarias tu, mar, para escutar-me? “

Para namorar ao mar das nosas verbas, achegamos ao peirao de Atlántica as voces de contadores de Uruguai, Xapón, Arxentina, Portugal, Madeira, Zamora, Canarias e Galicia.

Chega a noite, a porta da taberna ábrese, hai unha cadeira dentro que ten o nome dos que saben escoitar.
Benvidos un ano máis. Compostela arrecende a contos.