Quen vai estar?

José Campanari

Autor e contador de historias, actor e director teatral. Un observador de situacións cotiás, un amante dos pequenos conflitos que nos fan medrar, un construtor de camiños por onde andar as historias, un camiñante incansable que che convida a dar un paseo polo universo a memoria.
Nacín en Chacarita, un alegre barrio ás portas do cemiterio de Buenos Aires, no seo dunha familia de orixe italiana. Medrei rodeado de xastres, modistas, cociñeiras e tendeiros que me ensinaron a abrigar, dar para comer e atender xentilmente ás persoas.
Traballei como delineante, empregado administrativo, tendeiro ocasional, pinche de cociña, profesor de teatro, expresión corporal e outras expresións artísticas, axudante de direción, director teatral, actor e clown.
Despois de varios anos de transitar escenarios en silencio como clown mudo, en 1990 tomei a palabra para contar as miñas propias historias de viva voz.
En 1995 subín a un avión rumbo a Colombia para participar nun encontro de contadores de historias e lendas. Máis tarde outro avión tróuxome a España e desde entón non paro de viaxar, en todo tipo de transporte,
levando as miñas historias por grandes cidades, cidades pequenas, pobos e mesmo aldeas.
Participei en festivais de narración oral en Arxentina, Uruguai, Colombia, Perú, Ecuador, Portugal, Francia e España.
Ademais continúo desenvolvendo a tarefa de actor e director teatral participando en montaxes de compañías como Berrobanbam, Mohicania, Matarile teatro e Sapristi Teatro, entre outras.
Invento algunhas historias que pasan da imaxinación ao papel e escribo artigos sobre a arte de contar historias de viva voz que son publicados en revistas especializadas na narración oral e nas artes escénicas.
Desde 1998 estou fincado en Galicia, abrigando e dando para comer aos meus amigos e atendendo xentilmente a quen queira escoitar historias.