Quen vai estar?

Jose Luís Gutierrez “Guti”

Guti ven contando as súas historias desde un pequeno pobo da comarca de Sanabria, onde a xente aínda cultiva a horta, amasa o pan e nas noites de inverno fai cestos. É gaiteiro, cantador, bailador e sobre todo contador de historias.
“Voz de vello, palabras de vello, palabras de pobo dende abaixo”.

Esas son as ferramentas de Guti para contar. As historias son memoria colectiva e son inmemoriais. O conto tradicional é o vehículo para circular pola memoria de Guti e a memoria dos informantes, por iso darredor do conto aparecen os saberes, as palabras, as historias persoais, as lembranzas e as fabulacións dos que un día lle abriron as portas da cociña, do comedor, xente que as que compartiu matanzas, rondas, bailes, traballos e penas. Guti consegue, a través da palabra, sentar ao público nesa solaina do mes de febreiro, nese lume baixo. Respectando a maneira de dicir e contar daqueles que coas súas historias aliviaron traballos e penas, fixeron rir, ensinaron e asustaron.
Chegan a nós esas historias tal como se escoitaron… ou case.