Atlántica 2016

 

Catro anos prendendo faros, feitizados por cantos de sereas, por voces de mariños que amarraron a súa dorna ao noso porto de palabras.

E agora, é hora de mollarse, mergullármonos nas augas do Atlántico.

As lendas, por séculos, falaron do polbo coma dun monstro.

Victor Hugo dicía que te podía beber vivo, os noruegueses navegaron sempre con medo ao Kraken. Julio Verne perpetuou o Nautilus entre os brazos enormes de polbos malvados. Mesmo o noso afamado cociñeiro maior, Picadillo, menosprezouno nunha receita.

Porén, nós quedamos coa mirada azul de Jaques Cousteau, que dixo que a timidez do polbo é unha reacción prudente fronte a quen se achega a el. Cando comproba que o mergullador é inofensivo, abandona a súa postura, moito antes que calquera outra especie salvaxe.

Igual que os que contamos historias, que ao comezo nos movemos no territorio da timidez, da palabra sobria, repousada, pero cando vemos que o público non ofrece perigro, transformámonos e a nosa voz alóngase, envolve, aprisiona e percorre as grutas furnas inmensas da alma de quen escoita.

Cada narrador ten un sabor diferente, como o polbo que non sabe igual se é de Sálvora ou de Muros, de Lira ou de Fisterra. Así mo contou un día alguén que coa man estendida me debuxou cada mar.

Como debuxan no aire os seus mundos os narradores que este año enchen as nosas nasas.

Narradores expertos en esquivar abismos, e narradores que xa van collendo o relevo.

Polo Ribeiro dise “Andar en todas, coma a caldeira do polbo”. Se de loitar contra a lenda negra do polbo se trata, non podemos esquecer esas mulleres que, co caldeiro nas mans, percorren feiras e romarías, para levaren un pouco de mar ás terras máis afastadas.

Coma ese caldeiro, vai o narrador dun sitio para o outro, levando a súa palabra, a súa historia, a súa memoria, para que quen o escoite faga un alto e se alimente en serio.

É o seu fado, é o noso. Como ben dicía Umberto Eco “Para sobrevivir, teño que contar historias”

Nesas estamos, a por eles imos. Adiante sempre e, como no conto, cun polbo por bandeira.