Blog

  • Publicado:

    22 de Marzo de 2014

  • Categorías:Blog

Pouco antes das 19 horas vou correndo polo Obradoiro ata o edificio enfrontado espacialmente ca Catedral, o Pazo de Raxoi. A sala onde Mercedes Peón falou está na terceira planta, unha sala de madeira cunha pequena tarima, unha pantalla para as proxeccións e un estupendo piano de cola. Sobre unha mesa de cristal, uns micros esperan as voces das nosas convidadas. Mercedes quítase o abrigo marrón escuro de coiro e senta a carón de Margarita Ledo.
Cando xa é a hora, Soledad Felloza presenta o Festival Atlántica cun vestido branco, corte anos vinte, e deixa paso a Margarita Ledo que presenta á súa vez a Mercedes Peón.
Mercedes leva máis de 10 anos percorrendo aldeas na procura de información sobre a tradición oral e musical galegas.
Neste tempo ten observado como os corpos se relacionan, como homes e mulleres bailan e se expresan. Fala do matrilinaxe existente en Galicia, do lecer da escoita de pandeiretas e das voces femininas.
Quere romper ca idea que moitas veces se transmite dende os grupos de baile, esa idea sistémica, xa que ela ten observado como homes e mulleres bailan e sacan o punto de baile sen importar quen o faga, sen normas. Bailan homes con homes, mulleres con mulleres, non importa como, só importa bailar, expresarse, comunicarse a través dos corpos, do baile. Nos vídeos que Mercedes nos ensina, pódese observar como as mulleres non esperan a que o home remate o punto, comezan cando saben que punto é, ou elas mesmas o comezan, xa que non importa quen o saca. O que fai bo a un bailador ou unha bailadora é esta comunicación dos corpos. De feito Mercedes anímase a intentar sacar un dos puntos que vemos nun dos vídeos, amosándonos a dificultade dos mesmos.
Cando as tocadoras entran no mercado industrial, Mercedes pregunta: Pero están inventando?
Comenta que as filas dos grupos actuais, son moi militarizados, pérdese a algarabía, a idea de comunicación ca parella que tes enfronte, é un xeito falocéntrico, cunha masculinidade e feminidade moi marcada sobre os escenarios, espérase a rematar o punto e comezas a facelo cando remata. “Agás que sexa algo estético ou unha fantasía aceptada”

Ana Ponte.