Blog

Tim Bowley homenaxe 01

Sábado 14 de marzo de 2015 – 21:00

Dúas banquetas valeiras agardan por Tim Bowley e Charo Pita, a súa ‘tradutora’ oficial durante os últimos anos. Malia a estar preparados, a velada comeza con retraso debido a problemas técnicos. Non semella inconvinte para as case oitenta persoas que se desplazaron ata A Nave de Vidán para acudir á despedida dos escenarios do contacontos inglés Tim Bowley.

Ó contrario, antes de comezar coa contada, Soledad Felloza, a directora do festival, sortea unha colección de tés de ‘Mistelánea’, sinalando que é o único patrocionio co que conta este ano ‘Atlántica’. Hai confusións, alguén que non atopa o seu boleto, outra que cre que lle tocou a ela… e moitos risos. Semella que xente viu con ganas de pasalo ben.

Tim Bowley homenaxe 02

Charo Pita e Tim Bowley ocupan os seus asentos. O veterano narrador, comeza a contar mentres pasea a súa mirada azul e o seu sorriso doce polo público.

As contadas de Tim e Charo teñen unha dinámica que durante anos levaron por toda a península adiante: Tim di un par de frases en inglés e Charo Pita traduce ó galego. As veces traduce e outras adapta. Neses contrastes cómicos entre o que di el e o que ela ‘traduce’, radica parte da gracia do seu espectáculo.

No repertorio desta noite conviven historias tradicionais de Gran Bretaña e Escocia cheas de feitizos, maldicións, nenos que tentan enganar á Morte… con outros contos máis mundanos como a da parella de carteristas máis hábil de Picadilly Circus. Tim e Charo teñen ben collida hoxe a chave da atención do público. Os espectadores tan pronto escoitan respetuosamente en silencio como escachan co riso chegados os momentos hilarantes.

Tim Bowley homenaxe 03

Á metade dun conto pertencente á lenda artúrica, Charo Pita abandona o seu asento e dende ó público unha voz femenina tómalle o relevo. É Casilda Regueiro, a primeira compañeira-traductora de Bowley. Hai só unhas horas Tim e Casilda viviron un reencontro tras moitos anos sen verse, pois ela vive en Suiza. Os dous sorrín cos ollos brillantes e os espectadores entenden que están a presenciar un momento especial.

Casilda senta ó carón de Tim e os dous xuntos seguen a sesión de contos como se os camiños de ambos nunca se tivesen separado.

Na historia dos ladróns, Tim improvisa cunha mestura de picardía e elegancia británica e diríxese a Casilda como se ela fose a bela ladroa do conto. Chega un punto no que Casilda non pode coa risa e renuncia a tentar traducirlle. A química entre ambos semella intacta malia o paso dos anos.

Tim Bowley homenaxe 05

Remata a sesión (ou iso cre o homenaxeado) e Tim Bowley agradece á xente a súa asistencia e afirma que tivo moita sorte na vida de ter atopado a estas dúas mulleres que lle axudaron na súa andaina. Entre aplausos, Soledad Felloza faille entrega da peza dunha cornamusa, icono do Festival Atlántica.

Nun xesto espontáneo de humildade, Tim pide permiso para contar “el cuento posiblemente más corto del mundo”. Faise de novo o silencio e setenta anos de experiencia falan serenamente:

“Dos hombres están encerrados en un calabozo y miran afuera a través del ventanuco: Uno ve barrotes; otro ve estrellas”.

Gran ovación, os outros narradores que participan nesta ‘Atlántica 2015’ deixan os seus asentos e toda a sala de A Nave de Vidán remata en pé aplaudindo ó vello contacontos.

Tim Bowley homenaxe 04

Pero se o inglés, cría que aquí remataba a homenaxe, confúndese de cheo. Quico Cadaval emerxe entre o público e vai séntarse xunto a el. O narrador ribeirense comeza a rememorar as surrealistas peripecias vividas xunto a Tim e Casilda nunha xira por Colombia. Os espectadores esmendrellan coa risa, Casilda esforzase por non chorar de boa gana e o paciente Tim convértese a través da memoria de Cadaval, nunha sorte de aposto heroe de flema británica ante a presencia “daqueles famosos torturadores da policía colombiana”.

Ó remate, entre as anécdotas das xiras, os agradecementos de Charo Pita e Casilda Regueiro… o espectaculo alcanza dúas horas cheas de risas e emocións, tralas que un modesto Tim xa non sabe como agradecer tanta atención.

Mais tarde, tras cear cos outros narradores do festival mailos integrantes da organización, Tim despídese de todos e todas, un por un, cun bico na fazula e desexándolles felicidade na vida. A piques de deixar o restaurante, volve a cabeza e fitándoos unha última vez, sorrí con melancolía durante uns intres e logo marcha.

Foto: Orzo Abrunheiras – Texto: Marcos Estebo