Das mulleres do oeste
‘Guti’ narra de memoria e pola memoria de ducias de mulleres coas que compartiu os saberes e as historias. Neste espectáculo o romance e o conto tradicional van salpicándose da xeografía, da vida das cociñas, dos traballos do campo, das historias de vida de cada informante, de cada vella que entra e sae do escenario da man de Guti. Narrar así é un exercicio de agradecemento a quen regalou o testemuño dun mundo oral, un mundo aínda presente no imaxinario de quen tivo aldea, de quen se quentou ao lume cunha cunca de sopa nas mans, de quen sentiu como propias as palabras do ancián. Para quen escoita, ‘Das mulleres do oeste’ ha de ser unha volta ao tempo feliz en que a palabra do vello era necesaria.