Atlántica 2017

Un ano máis (e van cinco!), despregamos as velas do Festival Atlántica, e a forza de navegar xa non sabemos se somos o barco, a auga  ou a xente que  atopamos nas beiras dos mares que surcamos. Tanto ten, o importante son os encont(r)os de cada viaxe, o botín de historias coas que regresamos de cada singradura, a volta á casa cos ollos brillantes coma follas novas de carballo.

Non é unha aventura doada. Ten un algo como de artellar meigallos: un pelo de porco bravo por acó, un pouco de auga nova por acolá e un tempo de repouso baixo a lúa. E malia a non ser doado, Atlántica segue a camiñar porque ten os pés e, sobre todo, os  oídos  de tantos amigos feitos de contos.  A todos eles, grazas por facer realidade Atlántica.

Este  ano –dixen xa que celebramos as cinco  edicións?- medramos moito porque hai que festexalo ao grande. Botamos a áncora por toda Galicia e levamos historias a Santiago, á  Coruña, a Ourense, a Vigo, Ferrol, Lalín e Teo. Contadores do país e contadores de fóra, que veñen de Madeira, dos Azores, Brasil, Alemaña, Tras os Montes, Alacante e Uruguai. Todos con contos para grandes e cativos, que se escoitarán nas escolas, nos teatros, nos bares, nas bibliotecas… en calquera sitio onde o rito da palabra poida darse e que vén sendo calquera lugar onde alguén fale e outro escoite.

Queda pouco para o comezo de Atlántica e estamos como a parella do cartel, amañando as redes que imos botar ao mar entre o 15 e o 19 de marzo e non podedes nin imaxinar o fermoso que é o labor.

Saber que a cada puntada estamos máis preto dese tempo de encont(r)o.