Quen vai estar?

Ana Carreira

Chámome Ana Carreira, son a sétima filla dun sétimo fillo e o día que nacín, na miña casa naceron vinte e un porcos da mesma nai. Da miña nai nacín eu e vin ao mundo, non cun pan debaixo do brazo, senón con 42 lacóns, 42 xamóns e varios quilómetros de chourizos. Os meus irmáns din que naceron 22 e que se quedaron comigo. A verdade é que teño unha cor rosada bastante sospeitosa.

Gozo comendo, sobre todo se é doce e ademais chocolate, pero o que máis me gusta é falar. Empecei a contar cantando cando era nena e, sen melodía nin harmonía, inventaba historias ata que a miña nai decidía que xa era hora de erguerse.

Co tempo, comecei a ler historias doutros e comecei a escribir as miñas, e con máis tempo, dinme conta de que o que máis me gustaba era escoitar narracións de outros e contar as miñas. E iso é o que fago e me gusta facer, e son afortunada por todo isto e porque, segundo a tradición oral, o sétimo fillo dun sétimo fillo, é “fillo da fortuna”.

O meu repertorio é froito das miñas experiencias e das da xente máis achegada. Conto para adultos e nenos o que máis me divirte, emociona ou me fai pensar e iso é o que pretendo transmitir. Seguirei tentando que isto suceda cada vez que me planto diante do público, do que me sinto moi agradecida por escoitarme.”