Quen vai estar?

Celso F. Sanmartín

Contar é un oficio que todos temos. Levo recollendo contos e historias inconscientemente toda a vida, coma calquera. Pero desde hai anos véñoas recollendo e reacomodándomas, coa intención de contalas de cara a distintos públicos

Escoitar, conversar, colleitar, destilar, contar, convivir, …

Empecei por casualidade e oportunidade. Continúo porque é unha actividade de amor, sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos, e ir por aí mostrándoo e ofrecendoo coa boca aberta e coa boca chea, falando ademais bencísimo del, que é coma falar dunha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables

A miña devoción son as persoas maiores, culturalmente refeitas na oralidade. Entre elas hai moitas que son contadoras intuitivas e intelixentes e atentísimas a todo. Devoción polo vivo interese que poñen nas historias, nos contos e nas memorias que contan. Devoción porque saben “elaborar un momento”: A partir dunha miga de tempo que se preste* ou inesperadamente. Aínda hai de momento en calquera lugar a onde un vaia, persoas maiores que teñen a virtude de atraer a atención e mantela cunha(s) historia(s) pertinente(s) que, por acerto e valor específico, prenderá(n) entre os nosos recordos perennes, frescos coma da primeira hora

*(Hoxe por hoxe, as migas de tempo, os momentos que se prestaban a contar, perderon bastante os seus “espazos naturais”: no día a día, en datas sinaladas, en épocas do ano… Temos outros enredos no seu sitio, outra medida do tempo. Fómonos deixando dese “costume natural”. Dese falar, contando ben contado e por contar)

O meu fardo ou repertorio está composto basicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, na que temos arte e parte, asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. E cun toque contemporáneo, para apalparlles que tamén son actuais, que aquí as están e non coma pezas de museo. Tamén invento historias e contos, coma calquera…

Ás nenas e nenos, e á xente grande, intento contarlles ademais, que o que se conta non é unha cifra exacta-exacta, e que a lingua non se pode deixar que se poña de trapo.

 

Marzo pelarzo (público infantil)
Andiven busca que te busca, buscando esta palabra no dicionario de galego e non a dei topado. Só na boca de miña avoa a escoitei, e parecíame que non dicía nada bonito de marzo, pero nunca llo preguntei… Ela falaba moi ben e sabía moito.
mar·zo~zo·ar~ar·te·sa~sa·po~po·ta~ta·ra·be·lo~lo·bo~bo·la~la·pis~pis·ca~ca·la·mi·da·de~de·ta·llis·ta~ta·ma·rin·do~do·ce~ce·pa~pa·rir~rir.
Todas estas palabras, sobra dicilo, foron encadeadas silábicamente. A min a palabra sílaba sempre me recordou a outra: asubiar. Propóñovos o exercicio de asubiar cada palabra da lista, xa veredes que ben o ides pasar.
Escoitar o asubío dos paxaros e traducilo en palabras, sabíase facer antes… e contestarlles arremedandolles o asubío, facíase por falar con eles, que seguen falando con nós por pouco caso que lles fagamos.
Vivan os contos que paxarean e non pelarcean!