Quen vai estar?

Christian Atanasiu

Berlinés nado en 1955, aos seus estudos en Belas Artes foi engadindo outras disciplinas como Pantomima, iniciándose con Ella Jaroszewizc en París, e mimo e arte dramática, nos que se licenciou finalmente no Instituto e Teatro de Barcelona. Ten no seu haber diversos cursos de especialización: dende danza contemporánea ou estudos de voz, ata commedia dell’arte, improvisación teatral, clown ou teatro-danza.

Traballou dende ben novo en espectáculos itinerantes con compañías europeas de renome: Circus Rigolo (Francia), Theaterhauffen Ouweya (Alemaña) e Teatro Deszu (Polonia). Recalou finalmente en Barcelona, onde participou cunha moi boa acollida en Mira mira, do Teatro Estrany, e, máis tarde, xa coa súa propia compañía, Martí Atanasuu, acadou un grande éxito por toda Europa con obras como Boxtrot, Inuit-las personas e Hipnosis F.

Asemade, participou en proxectos de La Fura dels Baus (Accions) e a Compañía Vol-Ras (Flight e Pssssh), sen deixar de abrir novas portas ao cine e á TV, onde formou parte do elenco da serie da TV3 Tres estrellas, con El Tricicle; para TVE, con Antonio Mercero (La habitación blanca); e en varias curtas, medias e longametraxes, con directores de prestixio como Gerardo Vera ou Pere Portabella.

A súa especialización en clown e o seu bo facer levouno a se embarcar en novos proxectos de asesoramento en humor xestual, máscaras e técnicas de clown, nos que colaborou en labores de dirección e mesmo de creación.

Como docente ten impartido numerosos cursos de expresión corporal, teatro xestual e máscaras e de mimo e clown en diferentes países de América do Sur e Europa, sen descoidar nunca os seus traballos fixos no Instituto do Teatro de Barcelona, a ESADIB (Escola Superior de Arte Dramática das Illas Baleares) nin as colaboracións en cursos intensivos, coma os de posgrado en Arte Dramática na USC ou no Festiclown de Vigo.

Os premios ao seu bo facer chegaron con QUEmexpliQUE?!, INUIT e El dOn de dOn dÓnde, con recoñecementos dos Premios FAD, do Festival Internacional de Humor Comedy Arts 98 de Moers (Alemaña)e o Premio de les Artes Escénicas de Lleida. En 2010, Acorde, espectáculo de circo da Cía. Sebas, creado e dirixido polo propio Christian Atanasiu, recibiu o premio ao mellor Espectáculo 2010, no Festival Luiglio Bambino, Campi Bizonzi (Italia).

Con esta extensa bagaxe, Christian Atanasiu recala no porto do Atlántica para impartir unha clase maxistral, un xogo teatral cheo de creatividade.

Xoglar coas palabras

Un espectáculo que recolle textos de anteriores traballos, creando un xogo teatral pouco frecuente, espido e cheo de creatividade, malabares coa linguaxe, chimpos na lóxica común, cun humor absolutamente excéntrico, tolo e absurdo