Quen vai estar?

Lois Pérez

Contador, poeta, dramatúzaro e distraidamente escritor. Nace ao mundo o 2 de xuño de 1979 en Lugoslavia, malia as odas dalgúns rapsodos da Piringalla que afirman que todo ten a súa orixe onda os depósitos da auga, uns metros máis arriba da escola, onde reina o conserxe Agustín.
Seguidora de Keats e da idea romántica da “fermosa abundancia”, súa avoa materna cébao coma os capós de Vilalba ao tempo que seu avó lle conta visionario que nunha taberna de Becerreá, Felipe González aparecéuselle lanzal e díxolle: “Nicas, deixa as tabernas e marcha pra Lugo”.
Este feito, aparentemente insignificante non é pataca minuta: coñece o profesionalismo do fútbol sala pero traza nel unha clara liña tanxencial, talvez alimentada polas incursións nocturnas da súa infancia canda seus pais no antigo Clavicémbalo ou no Pub Rokax, non lonxe de Friol. Así as cousas, o cidadán Lois Pérez comeza a amosar unha natural querenza por percorrer o camiño inverso ao de seu avó, deixando o cálido fogar cara o vizoso lume da dilapidación pecuniaria e vital polos bazares da noite.
De neno memoriza o conto de Yuri Potof e súa nai (en calidade de asesora de lingua galega, corrían os alegres noventa) tráelle varias veces á casa a un tal Federico Martín Nebrás. Houbo ser aí a primeira aparición seria na súa vida dun falador. Anos despois cruzará outros, tan bos que o único xeito de que non lle influísen sería non telos coñecido.
E ata aquí chega coma Alberti, confuso: non sabe se rascar o reloxo ou darlle corda ao cu.

Historias de nós tamen naufregar