Quen vai estar?

Manuel Gago

O xornalista e escritor Manuel Gago é director de culturagalega.gal, a plataforma de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega, amais de profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Entre as súas obras destacan Herdeiros pola forza. Patrimonio, sociedade e poder na Galicia do século XXI (2.0 editora), Vento e Chuvia. Mitoloxía antiga de Galicia (Xerais, 2014) e a novela O Anxo Negro (Xerais, 2016). É o responsable de Capítulo Cero, unha das bitácoras máis veteranas da blogosfera galega.

 

No rueguen a Dios por él. Un paseo polos crimes en Compostela | contos nas rúas
Hai algúns anos, trala morte violenta dun taxista, un alcalde compostelán quixo acougarnos pola radio: “tranquilos todos, que o asasino non é de Santiago”. Aínda habería alguén que respirara aliviado. E é que esta cidade, unha das máis pacíficas de Europa, reméxese incómoda cada vez que se produce un crime de sangue. Moitos dos homicidios son lembrados con detalles morbosos e escabrosos, nas comidas familiares e nas cafeterías do Esanche; outros xa pertencen ao ámbito da lenda, pero todos eles deixaron pouso na cidade. Convídoche a viaxares comigo no espazo e no tempo, para coñecer Compostela desde unha perspectiva distinta: a da súa crónica negra.

A Almáciga: cando as periferias explican o mundo | contos nas rúas
A Almáciga é un entrañable barrio da cidade ao que non acuden os turistas. E, sen embargo, o seu carácter periférico con respecto ao centro de Compostela, ao casco histórico e o Ensanche, é unha magnífica testemuña para explicar a cidade desde un lugar que nin está fóra nin dentro. Na Almáciga materialízase o relato de Galicia desde a Idade Media ata os profundos cambios do país nos últimos cincuenta anos. Percorreremos vidas e secretos, xentes e batallas, memorias escondidas e historias de vida que, malia estar ao noso carón, fican moitas veces invisibles.