Quen vai estar?

Pablo Albo

É narrador oral de profesión pero antes naceu en Alacante en 1971. Foi ao colexio como todos os nenos do seu barrio. En sétimo de EXB, segundo lembran, gañou o concurso de relatos da súa clase. Déronlle un balón de goma e un xogo magnético. Sóubolle a pouco, mais deu as grazas e quedoulle dentro o verme das letras.

Non deixou de escribir historias e en 1994 comezou a contalas de viva voz. Daquela xa rematara BUP e COU e estudaba traballo social na universidade de Alacante. Nunca chegou a exercer, aínda que si a diplomarse. Xa antes de acabar sentiuse tentado pola farándula e conciliou os estudos devanditos cos de animación sociocultural.

Levado polo indómito impulso da mocidade fundou xunto a dous amigos, Félix Albo e Antonio Mira, o grupo Albo, que tantas satisfaccións lles proporcionou nos máis de dez anos que durou. Agora segue en solitario dedicado ao oficio de contar historias usando só palabras e xestos. Participou en case todos os festivais de narración e en practicamente todas as provincias deste país e nalgún outro como Cuba, Suíza, Italia, Grecia, Australia, Brasil, México, Venezuela, Bélxica e Francia.

Publicou trinta e seis libros infantís e participou en cinco libros de contos para adultos. Foi traducido ao inglés, alemán, francés, italiano e portugués. Recibiu os premios Lazarillo nas súas dúas modalidades: creación literaria en 2008 e álbum ilustrado en 2013; o Ciudad de Alacante en 2003, Villa dÍbi en 2008; Leer es vivir en 2009 e tres dos seus libros apareceron no The White Ravens, a lista dos 250 mellores libros do mundo que realiza cada ano a Internationale Jugendbibliothek (Biblioteca Internacional da Mocidade) con sede en Munich. Máis información en www.pabloalbo.com.

Como lle encanta a radio, colaborou coa Cadena Ser Alacante recomendando libros infantís bos e coa Cadena Ser Noroeste contando un conto cada quince días. Actualmente participa no coloquio Barra Libre de Murcia Cadena Ser os sábados.

Agora vive entre o seu Alacante natal e o seu Albacete de adopción, pero para pouco en ambas as dúas. Anda sempre de acá para acolá polas estradas coa vista posta no horizonte rumiando entre dentes as palabras da súa vindeira historia.

Contos pouco edificantes

É unha sarta de trolas que non teñen intención de te enganar. É unha sesión de contos, pero non traias os teus fillos. Historias que se suceden para arrepiar ou para facer rir… ou para vai ti a saber. Facer unha sesión de contos pouco edificantes é doado:

  • Mestúrese unha presada de historias cunha manchea de sal e pementa.
  • Réguese todo con salsa de humor e listo.
  • As historias que sexan desas canallas, ou sinxelas, ou un pouquiño eróticas (pero coidado, non te pases).
  • Métanse nun auditorio sen présa e con orellas, e a ver que sae.
  • Non sei se poderán comer, pero rir, riremos.

Contos de medo que dan risa (público infantil)

Pablo Albo, o incrible paroleiro. Pasen e vexan. Unha persoa capaz de facer aparecer monstros dentro da nosa propia imaxinación, usando só a súa voz, os seus xestos e a súa mirada. Aínda que semellen verdadeiros fenómenos irreais, non se alarmen, ninguén sairá malferido. El é quen de domalos co poder das súas palabras. Endexamais se lle escapou un mal becho dunha historia.

Contos de monstros peludos, de papóns devoradores de netas, de casas perigosas e horribles. Os pelos de punta deixarán paso ás gargalladas. Se non o cren, pasen e vexan.

Nota: Confírmase a presenza de cazadores e leñadores de garda por motivo de seguridade.