Quen vai estar?

Rilo & Penadique

Rilo & Penadique é unha compañía de recente creación que une os talentos de Vero Rilo e Sonsoles Penadique. Narran, cantan e musican historias, contos escoitados nalgún lugar, escritos nalgún libro, nados dende algún lugar do ser. Fusionan o mundo da infancia coa palabra e a música dando lugar a espectáculos de narración oral para crianzas e familias.
Vero Rilo ten unha longa e consolidada traxectoria como contacontos. Educadora na Escola A Semente e contadora, cursou estudos de iniciación o teatro da man de Carlos Neira e outros específicos como contadora con Charo Pita e Tim Bowley. Á fronte de Daboapipa, moveu con este formato que combina música e narración oral diversos espectáculos, para público adulto e infantil, por toda Galicia e mesmo alén Miño.
Sonsoles Penadique, licenciada en Historia da Arte na especialidade de Historia da Música e Patrimonio Artístico pola USC e diplomada en Educación Musical pola Universidade de Vigo, realizou estudos de linguaxe musical, técnica vogal, coral e harmonía moderna na Escola Estudio de Santiago de Compostela. Ten tamén o Posgrao de Música Tradicional Galega organizado pola USC. Desde cativa vencellada á música tradicional como bailadora, cantareira e gaiteira, comezou a estudar acordeón diatónico no 2009 con Xavier Blanco, Carlos Quintá e Pedro Pascual. Traballou en diferentes centros de primaria, secundaría e conservatorios dependentes da Consellería de Educación, e tamén é profesora de acordeón diatónico, canto, música e movemento e linguaxe musical na Escola Municipal de Música de Moraña e na A.C. Trépia. Tamén colabora coas Escolas Infantís Semente de Compostela e Vigo e Cruz Vermella de Pontevedra.

O pozo das señoras | familiar
Bueno… Pois mire… Indo para a ría á dereita hai un río porque aí xa foron os rapaces non fuches?… Bueno… E por alí arriba hai un rego que viña a agua para abaixo… Que viña antes para abaixo… E no rego… E arriba no medio e medio da finca había unha laxueira… De pedra eh! era de pedra… E chamábanlle unha catalata ou chamaranlle aínda agora daquela chamábanlle… E … E disque aparecía sempre alí unha señora envolta nunha saba blanca… E que era un encanto… Eu téñollo oído ao meu abuelo… Aparecer a min non me apareceu eh!… Amais xa tiña o azo pero non me apareceu… Pero teño oído ao meu abuelo que aparecía alí unha señora e que era un encanto e que tan pronto chegaban onda ela desaparecía… Eso téñoo oído eu nunca a vin eh! pero oir oíno!