Quen vai estar?

Soledad Felloza

Nacín a beiras dun río que en lingua guaraní quere dicir de paxaros pintados, Uruguai.
As madreselvas aroman a miña infancia e acubillan os meus amores primeiros. As rúas anchas de terra esconden as primeiras letras que esborranchei e baixo o areeiro da praza Bela Vista enterrei un día as miñas miradas tortas e funme polo mundo a contar as miñas mentiras máis verdadeiras.
Facendo contas, débenme de quedar por vivir 54 anos, aínda que preferiría que fosen 68 ou 72. Así e todo, algunhas cousas teño feitas. Algunhas que me enchen de orgullo, outras que se fose máis clariña de pel, ruborizaríanme.
Actuei e contei contos en Festivais de Uruguai, Arxentina, Chile, Bolivia, Venezuela, Cuba, Alxeria, Perú, Francia, Italia,Portugal, Holanda. Contei contos en toda España, menos en Cantabria.
Namórome cada vez que me subo ao escenario e sufro cando baixo. Aínda non contei o mellor conto, pero se sinto que me achego, ese día collerei a miña Nikon e quedareime en Corrubedo ou Cabo Polonio para sempre. Mentres tanto, aquí vou, esta son ou intento ser.